Thursday 02 de May de 2024

“Acompañar no reto de educar” remata este luns cunha charla sobre o consumo de porno por parte dos menores


A iniciativa está promovida polos concellos de Fene, Neda e Mugardos

O ciclo de charlas “Acompañar no reto de educar”, incluído no programa “Más que un teito” dos concellos de Fene, Mugardos e Neda, conclúe este luns, 18 de decembro, cunha sesión destinada a falar sobre menores e pornografía. A cita, para a que está aberto o prazo de inscrición, vai destinada a familias de pre-adolescentes dos tres municipios.

O encontro, como vén sendo habitual, desenvolverase na Casa da cultura fenesa a partir das 18 horas, e permitirá aos proxenitores reflexionar sobre os riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías, en particular o acceso a contidos para adultos por parte de nenos e nenas cada vez máis novos. E boa parte do porno á que se expoñen os menores presenta diferentes doses de violencia sexual.

Na sesión, aportarase información sobre as redes sociais, con especial atención ás que utilizan os adolescentes e pre-adolescentes, e falarase de condutas arriscadas e ilegais asociadas ao uso de internet. Para participar na charla cómpre anotarse cubrindo o formulario de inscrición dispoñible na web municipal de Neda, indicando ademais se precisan botar man do servizo de conciliación dispoñible para facilitar a asistencia.

Para obter máis información sobre o ciclo “Acompañar no reto de educar”, os pais e nais poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben aos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607) encargados da coordinación do proxecto intermunicipal, que subvenciona a Consellería de Sanidade.